A Academia Norueguesa de Ciencias e Letras outorgou o premio Abel 2019, considerado o ‘Nobel’ das matemáticas, á estadounidense Karen Keskulla Uhlenbeck “polo impacto do seu traballo en análise, xeometría e física matemática”. Esta profesora da Universidade de Texas tamén é unha firme defensora da igualdade de xénero na ciencia.
Karen Keskulla Uhlenbeck (Cleveland-Ohio, 1942) é o nome que anunciou hoxe a Academia Norueguesa de Ciencias e Letras, quen recoñece “os seus logros pioneiros en ecuacións diferenciais parciais xeométricas, teoría de gauge e sistemas integrables, e polo impacto fundamental do seu traballo na análise, a xeometría e a física matemática”. Os seus estudos sentaron as bases para modelos xeométricos contemporáneos en matemáticas e física.
Ademais de investigadora, Uhlenbeck é unha firme defensora da igualdade de xénero en matemáticas e na ciencia en xeral. Cando era nena, encantáballe ler e soñaba con ser científica. Actualmente é visitante senior na Universidade de Princeton e no Instituto de Estudos Avanzados ( IAS). Dentro deste é unha das fundadoras do Instituto de Matemáticas de Park City ( PCMI), cuxo obxectivo é capacitar a mozos investigadores e promover o intercambio de coñecemento fronte aos desafíos das matemáticas.
“O recoñecemento dos logros de Uhlenbeck debería ser moito maior, xa que o seu traballo levou a algúns dos avances máis importantes en matemáticas nos últimos 40 anos”, sentenza Jim Al-Khalili, membro da Royal Society. O rei Harald V de Noruega entregará o premio Abel á laureada deste ano durante unha cerimonia que se celebrará o próximo 21 de maio en Oslo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario