lunes, 3 de mayo de 2021

Aumento no "cronómetro de vacinación"!

Por primeira vez desde o comezo da campaña de vacinación contra a Covid-19 en Galicia, da que xa se cumpren máis de catro meses, esta fin de semana foi posible observar o avance diario da administración de doses sen o ‘parón’ do sábado e o domingo, días nos que o Ministerio de Sanidad non achega información deste indicador. Desde a semana pasada, a Consellería de Sanidade publica a actualización diaria do ‘cronómetro’ de vacinación, no que desde o venres se observa un aumento a moita maior velocidade na cifra de persoas que completaron a pauta de vacinación; desde o pasado venres, máis de 100.000 persoas, principalmente maiores de 70 anos. 

Tal e como se pode ver baixo estas liñas, a administración da segunda dose a estas persoas chega algo menos dun mes despois do salto de comezos de abril, cando o número de primeiras doses inxectadas acelerouse. Esta situación débese ao período que, segundo as indicacións dos fármacos de Pfizer-BioNTech e Moderna, que se usan nas persoas maiores de 70 nos, hai que deixar entre unha e outra inxección. Do mesmo xeito, durante os últimos días freouse moito máis o crecemento de persoas que recibiron a primeira dose.

Imaxe: Consellería de Sanidade/Elaboración propia

Desta forma, ata a mañá deste luns un 30,13% da poboación galega recibira, polo menos, unha dose da vacina. E no caso da pauta completa, a porcentaxe pasou do 10,62% do pasado venres ao 14,31% deste luns. 

A información que Sanidad difundirá esta tarde botará máis luz sobre en que grupo concreto de idade se produciu este avance, xa que o Sergas non achega nos seus datos en que franxas se completa a pauta. Si se ofrece o número de persoas cunha dose, que supera amplamente o 90% no grupo de maiores de 75 anos e está a medrar nos últimos días no grupo de 60 a 74. 

A pesar do importante paso, Sanidade non acadou o obxectivo marcado de inxectar polo menos unha dose a todas as persoas maiores de 70 antes do final da semana pasada. O ritmo, porén, estase acelerando nas últimas xornadas, con máis de 30.000 doses diarias. Para xuño, a Xunta prevé que reciban canto menos unha dose todas as persoas maiores de 60 anos.




No hay comentarios:

Publicar un comentario