domingo, 2 de mayo de 2021

Premio Princesa de Xirona Investigación Científica ao biotecnólogo coruñés César de la Fuente Núñez



O biotecnólogo galego César de la Fuente Núñez, catedrático da Universidade de Pensilvania (Estados Unidos), foi proclamado en Alacante Premio Fundación Princesa Xirona de Investigación Científica 2021, durante un acto presidido por Felipe VI. Este científico, menor de 35 anos, está considerado como un dos pioneiros no desenvolvemento de antibióticos por ordenador servíndose de moléculas presentes na natureza para atacar a bacterias resistentes.

O científico coruñés César de la Fuente lidera un laboratorio de investigación na Universidade de Pensilvania, en Filadelfia (Estados Unidos) e foi designado en 2020 «mellor investigador novo de EEUU» pola American Chemical Society e en 2019 elixido «un dos dez mellores innovadores do mundo menores de 35 anos en ciencias da vida e a saúde» polo prestixioso Instituto Tecnolóxico de Massachusetts ( MIT).

O de Investigación Científica é o cuarto e último premio da presente edición, a undécima, tras os outorgados á veterinaria e escritora María Sánchez Rodríguez (modalidade Artes e Letras); a socia fundadora de Goy Gentile Avogados Lucía Goy Mastromiechele (Empresa) e o fundador da ONG NASCO Feeding Minds, Ousman Umar (Social). Os catro distinguidos recibirán o premio de mans dos Reyes e a Princesa de Asturias e de Xirona, Dona Leonor, nun solemne acto que aínda non ten data nin lugar decidido pero que previsiblemente será durante o segundo semestre de 2021.

No hay comentarios:

Publicar un comentario