jueves, 2 de diciembre de 2021

Mais e mellor auga para Vigo!!

O pasado 14 de outubro poñíase a primeira pedra da nova potabilizadora do Casal que abastece de auga, desde hai décadas, a Vigo e a outros catro concellos da área metropolitana, entre eles Moaña e Cangas. A actual Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da cidade foi construída a mediados dos anos 70 para tratar a auga procedente da concesión que o Concello de Vigo dispoñía no río Oitavén.

O aumento do volume de tratamento, dos 900 litros de auga por segundo actuais ata os 2.200, é outra das novas anunciadas neste proxecto que, segundo o prazo de execución, estará concluído no 2023 e que conta cun orzamento estimado de 23 millóns de euros. A auga será pretratada na parte inferior, circulando e mesturándose con distintos reactivos, para ser despois bombeada ata o segundo nivel onde se encontrará o sistema de filtración e ultrafiltración por membranas. Un sistema que ten como misión purificar a auga ao máximo grazas a retención de partículas sólidas, como os metais, os virus e os xermes, de ata 0,02 millonésimas de metro.

A normativa, deseñada para protexer a saúde das persoas dos efectos adversos de calquera contaminación da auga potable, reforza os controis de calidade tanto no punto de consumo como nas zonas de captación, establece parámetros sanitarios máis estritos baseados en ditames científicos recentes e no principio de cautela, prevé a mellora da información aos consumidores e ten en conta, como gran novidade, unha iniciativa cidadá europea, “Right2Water”, lanzada en defensa de que o acceso a auga de calidade para o consumo humano forme parte dos dereitos humanos. A mediados do mes pasado, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o CEO de Aqualia, a empresa concesionaria do subministro de auga na cidade, Félix Parra, colocaron a primeira pedra da nova ETAP nun acto no que tamén enterraron unha cápsula do tempo. Nesa misiva ao futuro ían xornais do día, moedas en curso legal, un CD do proxecto e unha botella de auga recollida na potabilizadora nese momento.




No hay comentarios:

Publicar un comentario