(Fonte da imaxe) |
Emerxencia no río Eume pola contaminación na auga. Augas de Galicia declarou a situación de alerta para analizar o episodio, que levou a prohibir o consumo de auga da traída en Pontedeume. Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, realizou este mércores a declaración de emerxencia por mor do episodio de contaminación que ten lugar desde hai semanas no río Eume, dentro da área do Parque Natural, onde a finais de setembro se detectou un episodio de turbidez que levou a prohibir o consumo de auga da traída no Concello de Pontedeume desde o pasado sábado 10.
+Información que da o Concello De Pontedeume |
A situación, denunciada por entidades como Colectivo Terra e Adega, prodúcese na contorna do encoro da Capela, baixo concesión da empresa Endesa. Estas asociacións ecoloxistas atribúen o episodio á persistencia de lodos procedentes da explotación mineira das Pontes, “resultado das verteduras da mina e dos arrastres e escorrentías arredor do enorme oco mineiro”, que agora pasa augas abaixo do encoro, segundo Adega. O Colectivo Terra, pola súa banda, documentou a situación desde finais de setembro, e ten en marcha análises para indagar a composición dos lodos atopados.
Foi o día 10 cando o concello eumés anunciou a prohibición do consumo da auga potable, despois dunha análise da empresa concesionaria “na que se constata que o nivel de turbidez aumentou dende onte ata superar o máximo establecido” pola lexislación. Posteriormente, acometeuse un tratamento provisional na zona de captación da traída e instaláronse barreiras para reducir a turbidez e permitir a potabilización da auga, aínda que na tarde do mércores, o Concello mantiña vixente a prohibición no consumo.
(Fonte da imaxe) |
Coa declaración da emerxencia, Augas de Galicia prevé adoptar “as medidas necesarias para reducir os niveis de turbidez” e “permitirá acometer as actuacións de emerxencia necesarias na estación de tratamento de auga potable para conseguir, á maior brevidade posible, que a auga volva ser apta para o seu consumo e se poida restablecer o servizo de abastecemento á poboación”.
Do mesmo xeito, o organismo da Xunta anuncia a creación dunha comisión técnica “na que estarán representados os técnicos de Calidade das Augas da Administración autonómica, a empresa responsable da xestión do encoro, o Concello de Pontedeume e a concesionaria do sistema de abastecemento municipal”. Xa traballaron na zona especialistas en emerxencias ambientais acompañados de técnicos de Calidade das Augas da Xunta co obxectivo de analizar en detalle a situación a valorar as medidas que se poden adoptar para mellorala.
A propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, desprazouse o martes a Pontedeume para supervisar os traballos. Explicou que, desde un primeiro momento a Xunta deu instrucións á empresa explotadora para que adoptase as medidas pertinentes para acabar o antes posible coa situación de turbidez xerada e adiantou que a Xunta abriu unha investigación co obxectivo de esclarecer as causas da turbidez do río e adoptar as medidas que correspondan.
(Fonte da imaxe) |
No hay comentarios:
Publicar un comentario