domingo, 22 de noviembre de 2020

Unha marea vermella tingue a ría de Vigo!

Provocada pola concentración de Noctiluca scintillans, tamén é responsable dos fenómenos de mar de ardora rexistrados nos últimos días.


Fonte

En datas recentes observáronse mareas vermellas non tóxicas nas Rías de Vigo e Pontevedra cun ton alaranxado intenso, que resulta moi espectacular cando se acumulan na beira das praias. O organismo responsable destas mareas é un dinoflaxelado heterótrofo inocuo, Noctiluca scintillans, que posúe unha limitada capacidade de movemento e desenvolve proliferacións de forma habitual durante o verán nas rías galegas, especialmente entre xullo e setembro.


Fonte


Estes organismos dispérsanse coas correntes superficiais e durante esta época as condicións ambientais (estabilidade e maior temperatura) e a abundancia de alimento (plancto) producen que as súas poboacións medren ata o punto de tinguir a auga de mar.

O seu tamaño adoita roldar entre 0,5-1 mm e poden verse a primeira ollada como bolitas diminutas que flotan na auga. Posúen un único flaxelo de gran tamaño e no interior aprécianse a miúdo os restos de presas das que se alimenta: toda clase de microorganismos planctónicos, incluíndo fitoplancto (diatomeas, outros dinoflaxelados, etc) e microzooplancton. Non é tóxica nin realiza fotosíntese, pero si contén compostos alaranxados (carotenoides) que dan cor ás súas proliferacións.

Noctiluca scintillans é unha especie cosmopolita en latitudes baixas e medias. Noutras rexións do mundo as proliferacións de Noctiluca poden ter cores rosáceas e mesmo verdes, debidas estas últimas a microalgas verdes que viven no seu interior.

“Noctiluca non expón ningún risco para a saúde pública”, sinala Francisco Rodríguez, investigador do Departamento de Fitoplancto Tóxico e Mareas Vermellas do Centro Oceanográfico de Vigo, “aínda que nalgún caso describiuse sensación de proído leve na pel asociado á liberación de amonio na auga durante as súas proliferacións”.

Pulsa no peixe para máis info. 🐟

No hay comentarios:

Publicar un comentario