jueves, 25 de febrero de 2021

E ti sabes en qué novo proxecto vai participar a Universidade de Vigo?

 

Fonte da imaxe




Meses antes de que se producise a chegada do rover Perseverance a Marte, a Axencia Espacial Europea (ESA) xa evidenciara o seu interese en emprender un proxecto que, de levarse a cabo, volvería situar o foco de atención na Lúa. Co obxectivo de levar a cabo unha misión de exploración das covas do satélite terrestre, a ESA lanzou a mediados de 2019 un chamamento para a presentación de proxectos, dos que a Axencia Espacial Europea seleccionou cinco e dos que logo de seis meses, unicamente dous, RoboCrane (un consorcio integrado pola Universidad de Oviedo, Universidade de Vigo e Alén Space) e Daedalus (promovido pola Universidade de Würzburg), foron elixidos para un estudo de viabilidade CDF (Concurrent Design Facility) ou Lunar Caves.

“O obxectivo científico é estudar o interior dun destes tubos ocos de decenas de metros de diámetro e uns 50 metros de profundidade, que presumiblemente se formaron despois do arrefriamento da capa máis exterior dos ríos de lava hai millóns de anos”, explica Fermín Navarro, docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e integrante da Agrupación Aeroespacial da UVigo, que xunto ao seu responsable, Fernando Aguado, e ao investigador contratado Alejandro Camanzo, integran o equipo da UVigo que participa en RoboCrane.
“Preténdese estudar a composición do regolito no interior, a contorna de radiación e térmica, a morfoloxía da cova, a composición das paredes da apertura, segundo descendan os rovers coa grúa, etc. “, explica Navarro, que tamén sinala que outro obxectivo da misión é determinar as condicións que se dan no interior para posibles asentamentos humanos, posto que permitirían unha contorna cunha radiación mellor ca da superficie e con temperaturas medias moito máis moderadas que na superficie, onde os cambios son moi grandes.

“A mellor candidata é unha das covas que ten unha entrada aberta na rexión de Marius Hills”, concreta o investigador, que sinala que, dependendo de como resulte o estudo de viabilidade, e da prioridade que a ESA lle dea ás distintas misións sobre a Lúa, continuaríase adiante, pero xa mediante unha convocatoria competitiva da Axencia

Fernando Aguado, responsable da Agrupación Aeroespacial da UVigo (fonte)

Rovers nas covas
A Universidad de Oviedo encárgase do deseño conceptual do sistema de grúa que fai posible descender rovers máis pequenos ao interior das covas, ademais de proporcionarlle no interior soporte de comunicacións e de potencia eléctrica, xerada nos paneis solares do rover grande que se situará na superficie. Pola súa banda, a achega da Agrupación Aeroespacial da UVigo céntrase na enxeñaría de sistemas, “que se encarga de establecer un concepto de operacións, de análise das funcións que debe cumprir o sistema, dos requisitos que se impoñen na misión, da análise a nivel sistema dos elementos que compoñen a misión (centrándonos na grúa), e das relacións que existen entre estes elementos”, detalla Fermín Navarro. No caso de Alén Space, “nós dámos soporte para a análise e deseño do sistema de comunicacións cos elementos que teñen que explorar na cova”, explica Diego Nodar, COO e cofundador da spin-off da UVigo.
Logo dos seis meses iniciais do proxecto nos que os enxeñeiros de RoboCrane desenvolveron un modelo propio, a partir de agora cómpre adaptalo aos requisitos do rover Daedalus e ao software que utiliza a ESA para estes estudos, “contribuíndo con expertos equivalentes do proxecto da Universidade de Würzburg e da Axencia nos campos de enxeñaría de sistemas e control térmico, a estudar a misión a nivel conceptual e de xeito conxunto, e a implementar un modelo que amose se a misión é ou non é viable”, aclara o docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

Agrupación Aeroespacial da UVigo
Despois de case doce anos traballando no sector aeroespacial, a agrupación que lidera Fernando Aguado enfronta unha nova experiencia no ámbito das misións con rovers, na que, o investigador asegura que “a nosa experiencia no uso de estándares da ESA (ECSS) de enxeñaría de sistemas foi determinante para poder desenvolver de modo axeitado o proxecto é unha mostra de que o traballo que se realizou desde o ano 2008 con Xatcobeo serviu para permitir abordar novos proxectos no sector espacial, non só no campo dos pequenos satélites”, explica Aguado.

Esquema do funcionamento de RoboCrane (fonte)


Precisamente a experiencia acadada durante estes anos pola Agrupación Aeroespacial en enxeñaría de sistemas e en sistemas de comunicacións fixo que a Universidad de Oviedo contactase con eles para este proxecto, na que é a primeira colaboración neste ámbito das dúas institucións académicas. No caso da UVigo, Navarro considera que a súa participación é unha mostra da consolidación da Agrupación “e cómpre sinalar a importancia do traballo multidisciplinar, incluíndo a participación do profesorado da área de Enxeñaría Aeroespacial que dá clase no Grao de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense, que comezou hai catro anos e medio”. Ademais de ser un proxecto que, asegura o investigador, lles permite seguir gañando experiencia en misións espaciais, “que é o obxectivo do grupo, tamén é un reto moi grande, ao ser un proxecto nun ámbito novo, aínda que herdamos a experiencia de UVigo de 12 anos en satélites pequenos”, afirma Navarro.


Para máis info podes pinchar en Duvi, que ten moita máis info!

No hay comentarios:

Publicar un comentario