Ourense é a cidade española con maior prevalencia de esclerose múltiple.
Unha investigación do neurólogo Daniel Apolinar García analiza a posibilidade de que o déficit de vitamina D garde relación con esta patoloxía.
Desde hai xa bastantes anos, o servizo de Neuroloxía do hospital de Ourense busca explicacións a que a capital sexa a cidade coa maior prevalencia de esclerose múltiple en España, que á súa vez é un país cunha importante proporción de casos respecto á súa poboación. Nos últimos decenios, as investigacións realizadas constataron un aumento na incidencia de novos casos da doenza, situando o territorio español como unha das rexións de risco medio alto. E a elevada cifra observada en Ourense levou a afondar nas posibles causas. Unha carta publicada na revista Neurología polo xefe do servizo de Neuroloxía do CHUO, Daniel Apolinar García Estévez, abre unha pregunta que, dados os antecedentes observados, podería ser moi pertinente: o vínculo entre o déficit de vitamina D e a esclerose múltiple é unha simple asociación epidemiolóxica ou unha verdadeira relación de causalidade?
A esclerose múltiple (EM), da que aínda non se coñece a súa orixe, afecta nunha importante medida a mulleres mozas, e a súa aparición causa unha importante afectación á calidade de vida dos e das pacientes. É unha doenza autoinmune, que cursa con inflamacións do sistema nervioso central. Está caracterizada por episodios recorrentes, ou brotes, que causan o entumecemento das extremidades, sensación de descargas eléctricas ao mover o pescozo, tremores, falta de coordinación ou problemas de visión, entre outros. Ás veces, estes brotes poden acabar causando unha incapacidade progresiva.
Mais pouco se sabe, por agora, da súa orixe, como acontece con outras doenzas neurolóxicas. A pregunta do doutor García Estévez parte dos estudos epidemiolóxicos que constatan a maior prevalencia da doenza nos países escandinavos, onde a falta de luz solar durante longos períodos leva a moitas persoas a tomar suplementos de vitamina D. Mais a carencia desta vitamina tamén é frecuente en territorios como España, a pesar da súa maior radiación ultravioleta, aínda que en áreas do norte, como Galicia, con menos horas de sol, podería introducirse un novo factor.
Partindo dos estudos realizados na cidade, onde se constatou unha prevalencia de 184 casos por cada 100.000 habitantes, e doutras análises epidemiolóxicas que observaron unha asociación entre o déficit desta vitamina e a esclerose múltiple, o equipo de Neuroloxía do CHUO afondou na posibilidade de que esta cifra se vinculase a un déficit de vitamina D. Tal e como explica o doutor na súa carta, colleuse unha mostraxe de 44 pacientes para medir os seus niveis de diversos metabolitos desta vitamina, como o calcidiol ou o calcitrol, que se sintetizan no fígado e nos riles mediante hidroxilación.
E os datos, segundo expón a carta, destacan a necesidade de “ensaios clínicos ben deseñados para xustificar o tratamento crónico con megadoses de vitamina D con base nun efecto modificador do curso evolutivo da esclerose múltiple”. Os resultados non parecen ser concluíntes sobre a enfermidade, na liña con outros traballos mencionados, con ensaios clínicos que non observaron unha relación directa entre a administración de suplementos de vitamina D e a remisión dos síntomas da EM. Constátase, iso si, que os suplementos para solucionar o déficit da vitamina son “recomendables” co obxectivo de frear patoloxías como a osteomalacia, unha doenza ósea causada por alteracións hormonais, entre outros factores.
Aínda que por agora non se poida constatar a relación entre o déficit de vitamina D e a alta prevalencia da esclerose múltiple, o certo é que a cidade destaca pola alta presenza desta enfermidade. En 2019, o mesmo equipo do CHUO publicou, tamén en Neurología, a investigación a este respecto. Detectáronse 195 casos nunha cidade de 105.892 habitantes (censo de 2016), e entre 2002 e 2016 diagnosticáronse 127 novos casos, o que supón unha incidencia media de 7,86 casos anuais/100.000 habitantes.
Os datos son notablemente superiores aos dos estudos realizados noutras cidades galegas, como os de 2006 na Coruña (71 casos/100.000 habitantes), o de 2003 Santiago de Compostela (79), ou de 2016 en Ferrol (109).
A cifra, destacaban os investigadores, “aproxímase aos datos comunicados en áreas máis septentrionais de influencia nórdica e anglosaxoa“. As causas, aínda sen atopar, apuntan a que determinados factores epixenéticos e ambientais, como as infeccións víricas, o tabaquismo, a propia deficiencia da vitamina D e outros factores hormonais poderían estar detrás dela.
Un dos aspectos que destaca o estudo son os postulados de investigadores como Kurtzke, que nos anos 70 do século XX presentou a posibilidade dun gradiente norte-sur na enfermidade, explicado en parte pola carga xenética das invasións vikingas e a influencia da radiación ultravioleta.
En relación a isto, o equipo do CHUO dicía: “A cidade de Ourense presenta unhas características idiosincrásicas que poden modular os resultados epidemiolóxicos desta enfermidade, como o avellentamento poboacional, o clima atlántico con menor número de horas anuais de sol, as historicamente constatadas invasións vikingas e a situación xeolóxica nunha terra granítica, o que condiciona unha maior exposición ao gas radon como factor de predisposición ambiental”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario