No ano 1910, Thomas Jennings fuxiu da escena dun crime, pero deixou unha pista que sentenciaría para sempre o seu destino: a súa pegada dactilar na pintura fresca dunha varanda fóra da casa onde cometera o crime. As súas pegadas foron as primeiras que se utilizaron como proba nunha investigación criminal, e foi condenado por asasinato no ano 1911. Desde entón, as impresións dixitais seguen sendo imprescindibles nas investigacións forenses, aínda que teñen moitas máis utilidades.
Diversas teorías sobre a súa función
Segundo Roland Ennos, profesor de bioloxía na Universidade de Hull en Reino Unido, as impresións dixitais dannos agarre. Segundo a súa investigación, as impresións dixitais poderían axudarnos a agarrar superficies en condicións húmidas, similar ás pegadas dos pneumáticos dos coches. Desta forma, evítase que as nosas mans escorreguen por unha superficie.
Outra teoría bastante aceptada entre a comunidade científica é que as impresións dixitais poderían axudar ao tacto. Os nosos dedos conteñen catro tipo de mecanorreceptores ou células que responden á estimulación (como o tacto). Segundo Georges Debrégeas, biólogo da Universidade da Sorbona en París, estes mecanorreceptores son moi sensibles ás pequenas vibracións e, por tanto, contribúen a que as xemas dos nosos dedos teñan a súa característica sensibilidade.
Con todo, Debrégeas considera que as impresións dixitais poden servir tanto para o tacto como para o agarre, pois a razón pola que podemos manipular obxectos facilmente é porque temos un excelente sentido do tacto. De feito, grazas ao tacto podemos corrixir en tempo real a forza coa que imos agarrar un obxecto, tal como argumenta o biólogo.
Igualmente, Debrégeas cre que o noso sentido do tacto e noso agarre puideron evolucionar de maneira conxunta. Tamén atopou outra explicación, e é que as impresións dixitais poderían previr as bochas en caso de queimaduras, pois reforzan a pel e permiten que esta se estire. Con todo, a pesar de que se realizaron numerosas investigacións (e son imprescindibles para os detectives e policías) a súa verdadeira función segue sendo un enigma para nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario